+ All Categories
Home > Documents > © 2010 by Bookbird, Inc. · A paisaxe da montaña luguesa, onde transcorre Pel de lobo, co que...

© 2010 by Bookbird, Inc. · A paisaxe da montaña luguesa, onde transcorre Pel de lobo, co que...

Date post: 17-Jun-2020
Category:
Upload: others
View: 1 times
Download: 0 times
Share this document with a friend
5
© 2010 by Bookbird, Inc. A estirpe da galiña azul. A literatura infantil e xuvenil galega no cambio de século Artículo en galego ¿R ealismo ou fantasía? ¿Problemas da vida real ou aventuras na Galicia encantada? A tensión máis ou menos explícita que existe na literatura infantil e xuvenil entre estes dous tipos de obras resólvese na galega na integración de ambas tendencias. A distinción entre realismo e fantasía é sempre enganadiza: por unha banda hai obras consideradas fantásticas ou de ciencia ficción como Ariadna, de Miranda, situadas noutros mundos, porén abordaren problemas do noso. Por outra, como indica Martínez Bonati, non é menos fantástico dar conta dos pensamentos dun personaxe que introducir dragóns nunha historia. Nese sentido a literatura infantil e xuvenil galega desta década pertence á estirpe d’ A galiña azul, o libro de Carlos Casares que, xunto con Polo mar van as sardiñas, de Xohana Torres, a inaugura en 1968. ¿É A galiña azul literatura fantástica ou realista? Pódese considerar fantástica a existencia dunha galiña azul con cinco plumas roxas que pon ovos de cores. Mais que o alcalde e as autoridades consideren perigosa a existencia dun bicho diferente e que, ao viren prendela os gardas, encontren todas as galiñas do pobo tinxidas de azul e con cinco plumas roxas, mostraba, especialmente no contexto da resistencia antifranquista de 1968, unha clara conexión cos problemas sociais, coa defensa das minorías, da disidencia. Esta fusión entre conflitos da vida real e mundos fantásticos é un dos trazos das obras galegas para o público infantil e xuvenil abordados aquí. Outro é a alta consideración desta literatura por parte do sistema literario, a súa aceptación como parte da Literatura con maiúsculas e a dificultade, nalgúns casos, de establecer fronteiras entre libros para a infancia e mocidade e libros para adultos. O terceiro é a liberdade MARILAR ALEIXANDRE Universidade de Santiago de Compostela
Transcript

© 2010 by Bookbird, Inc.

A e

stir

pe d

a ga

liña

azul

. A

lite

ratu

ra in

fant

il e

xuve

nil

gale

ga n

o ca

mbi

o de

sécu

loA

rtícu

lo en

gal

ego

¿Realismo ou fantasía? ¿Problemas da vida real ou aventuras na Galicia encantada? A tensión máis ou menos explícita que existe na literatura infantil e xuvenil entre estes dous tipos de obras resólvese na galega na integración

de ambas tendencias. A distinción entre realismo e fantasía é sempre enganadiza: por unha banda hai obras consideradas fantásticas ou de ciencia ficción como Ariadna, de Miranda, situadas noutros mundos, porén abordaren problemas do noso. Por outra, como indica Martínez Bonati, non é menos fantástico dar conta dos pensamentos dun personaxe que introducir dragóns nunha historia.

Nese sentido a literatura infantil e xuvenil galega desta década pertence á estirpe d’A galiña azul, o libro de Carlos Casares que, xunto con Polo mar van as sardiñas, de Xohana Torres, a inaugura en 1968. ¿É A galiña azul literatura fantástica ou realista? Pódese considerar fantástica a existencia dunha galiña azul con cinco plumas roxas que pon ovos de cores. Mais que o alcalde e as autoridades consideren perigosa a existencia dun bicho diferente e que, ao viren prendela os gardas, encontren todas as galiñas do pobo tinxidas de azul e con cinco plumas roxas, mostraba, especialmente no contexto da resistencia antifranquista de 1968, unha clara conexión cos problemas sociais, coa defensa das minorías, da disidencia. Esta fusión entre conflitos da vida real e mundos fantásticos é un dos trazos das obras galegas para o público infantil e xuvenil abordados aquí. Outro é a alta consideración desta literatura por parte do sistema literario, a súa aceptación como parte da Literatura con maiúsculas e a dificultade, nalgúns casos, de establecer fronteiras entre libros para a infancia e mocidade e libros para adultos. O terceiro é a liberdade

MARILAR ALEIXANDREUniversidade de Santiago

de Compostela

2 | Bookbird

que gozamos autoras e autores á hora de escribir, a escasa preocupación pola corrección política e o apoio dos editores á liberdade creadora.

Quitatrevas e reparantes polas rúas galegasA tradición oral galega é rica en historias marabillosas, magnificamente vertidas a textos polos escritores lugueses Antonio Reigosa, Xosé Miranda e Xoán Ramiro Cuba, por exemplo na colección “Cabalo Buligán”. Nesas fontes bebeu un dos escritores galegos máis sobranceiros do século XX, Álvaro Cunqueiro que en Merlín e familia (libro que non pertence á literatura infantil) tece motivos das lendas artúricas, da literatura universal, coa retranca galega, creando historias imperecedoiras. ¿Quen, nalgunha noite escura, non desexou ter un quitatrevas vermello, un paraugas que crea un círculo de luz para escorrentar as tebras? ¿Que non dariamos por un camiño de quita e pon que conecta terras distantes e pode levarnos até o amante que está lonxe? O fantástico introdúcese de forma natural na vida cotiá dos personaxes da literatura galega. Un destacado exemplo é Das cousas de Ramón Lamote, co que Paco Martín acadou en 1985 o primeiro premio Nacional para a literatura infantil e xuvenil galega. En Ramón Lamote conviven seres como reparantes, entomodelfos e marmolubios, con veciños pagados de si e alcaldes que fachendean de leren unha vez, cando novos, un libro enteiro. Animais como o reparante, que só acordan unha vez cada seiscentos noventa e seis anos e burócratas empeñados en complicar a vida dos demais, sobre todo se son falantes de chairego, unha lingua en risco. O reparante non habita castelos de fantasía, senón as rúas dunha cidade contemporánea que se imita moito a Lugo.

Mitos actualizados: Mulleres loba, Pedro Chosco, polbos xigantesA actualización dos mitos da tradición oral ten continuidade nesta primeira década do século. Nin lobishomes nin kraken, nin sequera Pedro Chosco, son lendas exclusivas do folclore galego. O kraken é máis que unha lenda, pois a bióloga que convive en min coa escritora lembra que existen luras de máis de vinte metros. Porén facemos nosas estas criaturas cando as recreamos no contexto da nosa paisaxe física e sentimental. A paisaxe da montaña luguesa, onde transcorre Pel de lobo, co que Miranda acadou en 2002 o premio Merlín, parece o marco natural para os homes viraren en lobos baixo a lúa chea. Situada

a comezos do século XX, é lembrada en primeira persoa por Xosé, o mozo encargado, xunto a seu pai, de matar un lobo de ollos de lume no medio dun temporal de neve. A dúbida de se quen aterroriza aos veciños é animal ou lobishome vai mudando ao albiscar Xosé que o opoñente pode ser unha muller loba. ¿Quere darlle caza ou namorala? ¿Cal das dúas irmás se converte en loba ás noites, Ana ou Aurora? ¿Por cal dos dous amores se decidirá Xosé? ¿Escollerá a muller loba a vida xunto a el ou seguirá brava no monte? Miranda establece un paralelismo entre os lobos e os desexos de igualdade e liberdade das mulleres, personificados en Ana. Para Ana, partidaria do voto das mulleres, da abolición dos foros aos labregos, os lobos representan a liberdade, son máis libres que algunhas persoas.

O lobishome é unha peza de teatro publicada en 2007 por Paula Carballeira, a autora galega máis importante de teatro infantil, actriz na compañía Berrobambán e narradora oral, o que se pon de manifesto nos escintilantes diálogos. Carballeira ten no seu haber numerosos premios de teatro como o Manuel María por Boas noites, no que recupera a Pedro Chosco, que fai durmir aos nenos. Como na novela de Miranda, o lobishome e outras criaturas nocturnas, vampiros, morcegos, gatos negros e trasnos, son os “bos”, teñen unha vida máis interesante, mentres que os cazadores acaban liscando co rabo entre as pernas para evitar converterse na cea dos vampiros. O lobishome diríxese ao público infantil, utilizando con habilidade a imaxinería asociada ao mito do home lobo: noite de lúa chea, un cruceiro onde se encontran o mundo de aquí e o do alén, escopetas cargadas con balas de prata. Mais as criaturas nocturnas e o mesmo lobishome que atende por Chusqui (nome que indica non ser tan terrible), contan coa complicidade da noite para agochalos, e os cazadores teñen que marchar sen dar caza a este lobishome case doméstico que levariamos para a casa. O libro conta con desacougantes ilustracións de Pablo Otero que, en certo modo, contradín a historia. En Pel de lobo a muller loba encarna a liberdade, a vida no monte, aquí aprendemos a convivir con vampiros, a xogar á pelota cos lobishomes.

Se non hai en Galicia tantas lendas de luras xigantes como de lobishomes, non será pola natureza da costa galega, talvez a máis agreste do mundo. Segundo o narrador d’Un polbo xigante, último libro que publicou Carlos Casares antes de morrer, nas noites de brétema no Cabo Udra, fronte ao mar

No. 1 - 2010 | 3

aberto, un polbo pode envorcar unha dorna cun abaneo dos seus raios, marcar as súas víctimas cunha mazadura negra salferida de circuliños no pescozo, a aperta do polbo. Un polbo xigante é unha homenaxe ao poder de fabular, ás historias xunto á cheminea que afumea na primeira páxina. Nunca saberemos se foi un polbo quen levou ao Nicolás ou se era o xastre de Agüeiros disfrazado de lura. Talvez sexa unha andrómena para agochar a fuxida aos mares da China. Quizais todo se deba á imaxinación da vella Delfina, quen persuade ao narrador de que viu o que non viu, de que o polbo era grande como dez vacas e o Nicolás ía asubiando a Alborada de Veiga. Delfina que tiña a facultade de convencer á viúva de que Nicolás non afogara, marchara á festa e había volver. Un polbo xigante, fermosamente ilustrado por Enjamio, é un canto ás historias de medo que serven para escorrentar o medo, que axudan a unha viúva a tirar para adiante logo da desaparición de seu home, como pode ocorrer na costa galega. Unha historia sobre a relación entre a realidade e os soños, a imaxinación, a literatura.

A vida real e os seus conflitos: Amor e desamor, violenciaA vida real e os seus conflitos é a materia coa que se constrúen a meirande parte das obras galegas dirixidas ao público xuvenil nesta década. O amor é unha poderosa forza que move tanto a vida como a literatura, e os libros que o abordan son incontables, mais poucos de forma tan desgarrada como O único que queda é o amor, conxunto de relatos que lle valeu a Agustín Fernández Paz o premio Nacional en 2008. Amores prendidos nas páxinas de libros, que terman do amor ou do desamor nestes relatos. Máis do desamor, dos amores contrariados, ceifados pola morte ou que non chegaron a callar. Os libros son agasallos de namorados, pois o amor é tan forte que pode turrar deles desde a morte, sexa para entregaren un libro de poemas, sexa para montaren garda baixo as fiestras da muller amada. Ou poemas roubados a outros que pretenden, sen conseguilo, transmitir as mensaxes do namorado á muller que visita a libraría e que non procura quen a ama en silencio. Este namorado secreto é un dos personaxes que resultan invisibles, transparentes malia pasarmos a carón deles cada día, un motivo que Fernández Paz desenvolveu arredor dun homeless en O meu nome é Skywalker. As lembranzas románticas do primeiro amor, do primeiro bico, ás veces unido a uns versos, contrastan coa rutina de relacións gastadas. Nin os

temas nin o tratamento son habituais na literatura para a mocidade, e sen dúbida O único que queda é o amor, publicado fóra de colección e ilustrado por Pablo Auladell, é unha mostra da dificultade para establecer ríxidas fronteiras entre a literatura dirixida ao público xuvenil e a dirixida a adultos.

O desamor na súa forma máis estrema, o maltrato ás mulleres, é a difícil materia na que trinca Ola estúpido monstro peludo, de Fina Casalderrey, dirixido aos 10 anos. Non é a primeira vez que esta premiada autora aborda a violencia de xénero, tratada en Xela volveuse vampira, unha mestra que comeza a chegar á clase cos ollos morados, e n’A lagoa das nenas mudas, mais no Monstro peludo a combinación entre a dura cuestión real que constitúe a súa cerna e a licencia poética de facer falar en primeira persoa a Muriel, desde a barriga de súa nai está resolta con mestría. A violencia física e verbal do pai sobre a nai de Muriel tradúcese en imaxes como os sapos que saen da boca do pai cando insulta á nai, invadindo a casa. Tamén é expresado en metáforas, como a caída das cereixas desprendidas do seu vestido, o efecto do maltrato na nai. Pode parecer unha empresa imposible tratar este tema con cariño e humor, mais Casalderrey conségueo cos graciosos insultos prodigados polo o pai ou coa súa teima en comer pratos absurdos. O libro, ilustrado por Irene Fra, é unha mostra de como neste inicio de século acentúase o realismo mesmo na novela infantil.

A LIX galega non esquiva o conflito no seu sentido máis estrito de violencia armada e guerra. Así novelas xuvenís que abordan a guerra civil a reverberaren anos despois, como A sombra descalza, de An Alfaya e Corredores de sombra, de Agustín Fernández Paz, ambas narradas desde a perspectiva de dúas mozas enfrontadas a segredos familiares silenciados durante décadas. As consecuencias da guerra de Iraq na vida cotiá da familia de Abdulwahid é o argumento d’O carteiro de Bagdad, premio Ala Delta en 2007 e lista White Ravens, un dos libros cos que Marcos Calveiro se establece como unha nova e orixinal voz na literatura galega, xunto con Rinocerontes e quimeras, que segue a vida duns “monstros” de feira. A angustia e o temor de que o pai, Ibrahim, o carteiro do título, non volva á casa despois de cada reparto; a tensión entre sunnitas e xiítas; a protección dun antigo pergameo, procedente do espolio da biblioteca de Bagdad; a procura do destinatario dunha carta logo do caos provocado pola guerra; o mito de Gilgamesh, entretécense con talento. A amizade entre

4 | Bookbird

Abdulwahid, de familia sunnita, e Ahmed, xiíta, reflíctese na novela sen falsos sentimentalismos. Estas novelas sobre guerras pasadas ou actuais mostran como a LIX galega foxe das mensaxes explícitas, promovendo que sexa a lectora ou lector quen tire as súas propias conclusións. Neste interese polas desventuras e conflitos que fornecen o punto de partida da aventura, da historia, sitúase a miña propia obra, así Rúa Carbón, sobre a violencia no País Vasco ou A cabeza de Medusa, premio Fundación Caixa Galicia en 2008 e lista White Ravens, sobre a violación simbólica ou social que acompaña á violación física.

Amor, desamor, violencia, guerras son parte da vida cotiá de moitos nenos e nenas, e cómpre subliñar que na literatura galega non se limitan unicamente á xuvenil, senón tamén á infantil, como Ola estúpido monstro peludo, O carteiro de Bagdad, ou o recente Chamádeme Simbad, no que Francisco Castro trata o espiñento tema do coidado dun avó que sofre Alzheimer.

Álbums, teatro, poesía: A cebra Camila e o señor ClinAnimais imposibles, tradición oral, conflitos novos encontran o seu lugar na narrativa, xénero ao que pertencen a meirande parte das publicacións, mais tamén nos álbums ilustrados, nesta década publicados por case todas as editoriais. En Galicia existen editoras especializadas en producir coidados álbums, se ben nos últimos anos con escasa presenza de escritores e ilustradores galegos. Unha destacada autora de textos neste rexistro é Marisa Núñez, e da súa colaboración con Óscar Villán xurdiu un dos álbums galegos máis fermosos, A cebra Camila, conmovedora e cómica historia da pequena cebra á que, por desbotar o seu cueiro, o vento “do país onde o vento dá volta” arrinca as raias. Por fortuna Camila vai encontrando un tras outro, serpe, caracol, araña, chicharra que lle axudan a recuperalas. As expresións do rostro da cebra, do desacougo á ledicia testemuñan a mestría de Villán que acadou o premio Nacional de ilustración pol’O coelliño branco, reflectida tamén en ilustracións como A contar ovellas, de Elvira Pérez. Outro interesante libro de Marisa Núñez é Celestino Tarambainas, estrafalario personaxe que dorme baixo as estrelas e dá abrazos ás árbores.

Aínda dominando a narrativa o panorama da LIX galega, publícanse regularmente obras de teatro, como O lobishome, ou A noite da raíña Berenguela,

de Xosé Antonio Neira Cruz, premio Lazarillo en 2004. Nos últimos anos as representacións destas pezas forman parte do circuíto teatral, así en 2004 As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Casares, é a primeira peza infantil estreada polo Centro Dramático Galego. A poesía recibe maior atención na literatura galega que noutras, contando con autores da calidade de Gloria Sánchez, creadora d’A casa de vidro do señor Clin. O señor Clin decide facer unha casa transparente para poder contemplar as estrelas de noite e os paxaros de día. Co que non conta é cos rexoubes dos veciños que o van isolando até que o bichoco da pena acaba converténdoo en vidro, de modo que escacha ao caer ao chan. Tanto O señor Clin, como O home do impermeable amarelo, outro singular poemario sobre un home que fai un niño nunha árbore, están ilustrados por Miguel Calatayud. A poesía de Sánchez, pola súa sutileza e os temas abordados, está nas antípodas das mexericadas asociadas ás veces aos poemas infantís. A poesía para adolescentes é máis escasa que a infantil, mais en 2006 o poeta Fran Alonso edita Poetízate, antoloxía prologada pola afirmación de que “A poesía non morde” que percorre de Rosalía Castro a poetas nacidos nos 80 como Antía Otero ou Daniel Salgado. En 2009 Makinaria, de Carlos Negro, aborda a velocidade excesiva na estrada e na vida.

A literatura infantil e xuvenil galega pertence á literatura¿Van dirixidos os relatos d’O único que queda é o amor ao público xuvenil? ¿Ou é simplemente unha obra literaria? ¿E Valados, tamén de Fernández Paz, sobre a segregación? A mesma pregunta podería facerse d’O libro das viaxes imaxinarias, de Xabier P. Docampo, poética transcrición de cadernos de viaxe a lugares imaxinados, ilustrado por Xosé Cobas. E se nestes libros, publicados fóra de colección, cabe a dúbida, pódese dicir o mesmo doutros como Un polbo xigante ou Pel de lobo, malia estaren encadrados en coleccións con marca de idade. Entendemos que é a alta calidade literaria destes e doutros libros da literatura infantil e xuvenil galega, o que fai que, neste intre, sexa considerada como parte do sistema literario, da Literatura galega sen máis etiquetas. Moitas novelas xuvenís son reseñadas nos xornais, algúns premios literarios non específicos recaen en obras da LIX. Cómpre ter en conta que, nunha lingua minorizada como a galega (malia ser falada pola práctica totalidade da poboación), hai unha

No. 1 - 2010 | 5

conciencia por parte de escritores, críticos, editores e outros axentes, do papel xogado polos libros para nenos e nenas na recuperación do galego como lingua de cultura.

É posible que nesta consideración inflúa a gran liberdade de que gozamos na literatura galega á hora de escribir. Os nosos editores e editoras non se preocupan da corrección política nin censuran sangue, sexo, roupa interior ou palabróns que

noutros contextos provocan pequenos conflitos.En resumo, somos galiñas azuis que abaneamos

con insolencia plumas vermellas, reparantes amigos dos que falan linguas en perigo e marmolubios, mulleres loba que queremos vivir libres, ou polbos xigantes que apertamos aos mariñeiros; choramos polos desenganos amorosos, angustiámonos coas guerras. E sempre, sempre, buscamos acougo nos libros.

BibliografiaCalveiro, Marcos (2007). O carteiro de Bagdad.

Tambre-Edelvives.Calveiro, Marcos (2007). Rinocerontes e quimeras.

Tambre-Edelvives.Carballeira, Paula (2007). Boas noites. Xerais /

IGAEM. Ilustracións: Noemí López Carballeira, Paula (2007). O lobishome. Planeta /

Oxford. Ilustracións: Pablo Otero.Casalderrey, Fina (2007). Ola estúpido monstro

peludo. Galaxia.Casares, Carlos (1968). A galiña azul. GalaxiaCasares, Carlos (2000). Un polbo xigante. Galaxia.

Ilustracións: Enjamio.Fernández Paz, Agustín (2007). O único que queda

é o amor. Xerais.Fernández Paz, Agustín (2009). Valados. Xerais.

Ilustracións: Xan López Domínguez.Martín, Paco (1985). Das cousas de Ramón Lamote.

SM.Miranda, Xosé (2002). Pel de lobo. Xerais. núñez, Marisa (texto) / villán, Óscar (ilustración)

(1999). A cebra Camila. Kalandraka. núñez, Marisa (texto) / Cabassa, Mariona

(ilustración). (2005). Celestino Tarambainas. OQO.

sánChez, Gloria (2000). O home do impermeable amarelo, SM. Ilustracións: Miguel Calatayud.

Marilar aleixandre: Profesora da Universidade de Santiago de Compostela e escritora coñecida polos seus textos que abordan conflictos como o do País Vasco. Destacar A cabeza de Medusa, título seleccionado no 2008 para a lista de White Ravens. Algúns dos seus poemas foron recollidos en antoloxías en inglés.


Recommended